Xa ben vedes que levo tempo sen emitir, non era a miña intención ter esta longa pausa, mais chegou o momento de tomar unha decisión.
Foron oito anos de músicas e falares, oito anos marabillosos...
Cando comecei esta andaina-andanza contaba con chegar ás cen emisións ou aos cinco anos, o que antes chegase, e rematar. Cheguei a cinco anos e seguín, dixen: até as cen! mais o pulo primixenio foi perdendo forza, e chegou o tempo de pechar isto por un tempo. Quen sabe se hei voltar, xa sabedes, C'mmons baby! naceu o día de defuntos e non pode morrer.
Mais antes da marcha, quero facer unha última emisión, e quería pedirvos colaboración, que fagades peticións de músicas que soaran aquí, descobertas, preguntas que me quixestes facer e que nunca me fixestes, mensaxes sonoras... o que vos pete, e facer entre todos unha última emisión (non quero dicir, derradeira, négome) épica, en común, entre todos, compartida, porque este proxecto naceu para iso, para compartir.
Podedes deixarme as suxestións (até o 5 de maio), preguntas, ou o que queirades, nos comentarios desta entrada, na conta de twitter (@commonsbaby), ou no correo do programa info@commonsbay.com.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.